Entrevista a Xan Vieito, presidente do Comité Organizador do MUSAVI.

Nesta entrevista realizada a Xan Vieito, presidente do Comité Organizador do MUSAVI, podedes escoitar a historia das pezas que forman parte desta pequena mostra, a primeira de moitas. Contamos con todos vos para este gran proxecto.

Preme para acceder á entrevista

Hai 90 anos a doutora Olimpia Valencia abría a súa clínica xinecolóxica na rúa do Príncipe

Hoxe cúmprense 90 anos do día en que a doutora Olimpia Valencia abría a súa clínica xinecolóxica na rúa do Príncipe, cunha placa que rezaba “Olimpia Valencia. Especialista en enfermedades de la mujer”. Olimpia, foi a primeira muller en obter a licenciatura de Medicina, na especialidade de ginecología, e a primeira en exercer como profesional desta especialidade. Exerceu a súa profesión ata xubilarse, non exenta de dificultades pola súa condición de xénero. La Voz de Galicia dedícalle hoxe un espléndido artigo.

Nesta páxina web podedes ler algo máis sobre esta incrible muller. https://museosanitariovigo.es/persoeiros/

Ver artigo na VOZ DE GALICIA sobre esta muller.

Fotos: CONSELLO DE CULTURA

Doazóns dos doutores Alberto Rodríguez Costa e Víctor Ruíz Ochoa

O pasado luns tivemos a honra de recepcionar un total de 10 pezas que foron doadas polos doutores Alberto Rodríguez Costa e Víctor Ruíz Ochoa, médicos xubilados e que atesoraban uns aparellos excepcionais. Moitas grazas por axudarnos a medrar día a día.

NACE O NOVO MUSEO SANITARIO DE VIGO.

O Museo Sanitario de Vigo, primeiro que se pon en marcha en España, viu a luz tras a presentación aos profesionais da iniciativa e a posterior apertura da primeira exposición temporal no hall do Álvaro Cunqueiro. O contido do museo pódese ver nesta web. O obxectivo é preservar a historia e o patrimonio sanitario vigués.

A continuación poderedes ver algunhas das fotografias que recollen o excepcional ambiente que se viviu no día de hoxe. Grazas a todos os que puidestes asistir.

O Sergas pon en marcha o Museo Sanitario de Vigo

O Sergas pon en marcha o Museo Sanitario de Vigo con máis de mil pezas, 2.000 imaxes e 1.500 documentos históricos. Os promotores da iniciativa piden colaboración cidadá para aumentar os fondos e axudar a identificar persoas e épocas.

A área sanitaria de Vigo puxo en marcha o primeiro museo sanitario integrado de España, impulsado polo xefe do servizo de Radioloxía, Xan Vieito, e por persoal de departamento de comunicación e relacións públicas, que conta con máis de 1.000 pezas, 2.000 fotografías e gravados, e uns 1.500 documentos históricos.

Segundo explicou en rolda de prensa o xerente da EOXI, Félix Rubial, estas pezas serán expostas no Hospital Álvaro Cunqueiro, no Meixoeiro, e nalgúns dos centros de saúde da cidade. A finalidade desta iniciativa é “recuperar a memoria histórica” da atención sanitaria en Vigo, e “pór en valor o patrimonio tecnolóxico e documental para que chegue a xeracións futuras”.

A idea de crear o MUSAVI (Museo Sanitario de Vigo) partiu dos propios profesionais do Sergas, capitaneados polo doutor Vieito, durante o proceso de reordenación da área sanitaria. Moitos dos antigos equipamentos habíanse ido almacenando, case todos no Rebullón, e “estábanse perdendo e deteriorando”, como apuntou o propio xefe de Radioloxía.

Así, após un ano de traballo, recuperáronse miles de aparellos, documentos e imaxes, que se están sometendo a proceso de restauración. Todos os fondos do Museo pode verse na web www.museosanitariovigo.es, onde se pode facer unha visita virtual, acceder a unha canle de TV, a diversas publicacións, ou ao perfil de personalidades da historia do medicamento en Vigo.

As persoas que visitan esa páxina web poderán coñecer a traxectoria do doutor Nicolás Taboada Leal, o primeiro médico que diagnosticou o cólera en Vigo; o ministro de Gobernación José Elduayen, impulsor do Hospital Municipal; o doutor Enrique Lanzós, prestixioso cirurxián; a xinecóloga Olimpia Valencia, unha das primeiras médicas de Galicia; ou o coñecido oftalmólogo Antón Beiras.

EQUIPAMENTOS ANTIGOS

Os cidadáns poderán admirar algúns dos fondos do MUSAVI no hall principal do Hospital Álvaro Cunqueiro, onde se instalou unha exposición con algúns dos equipamentos utilizados polos profesionais sanitarios en Vigo desde principios do século XX.

Ademais dunha exposición cos traxes que as enfermeiras lucían na década dos anos 50, a mostra conta cun complexo aparello de raios X dos anos 30; un microscopio de principios do século XX recuperado do Hospital Nicolás Pena; un equipo de neumotórax para tratar a tuberculose con cen anos de antigüidade; ou unha curiosa bicicleta de rehabilitación dos anos 60, que permitía aos pacientes exercitar as súas pernas, á vez que, sobre unha mesa incorporada ao aparello, facían labores de marquetería.

Na web do museo, os visitantes poden acceder a documentos históricos como o regulamento manuscrito do Hospital Elduayen (posteriormente Hospital Municipal e logo Nicolás Pena), de 1896; unhas follas de ingreso de finais do século XIX; unha solicitude de traballo remitida ao Nicolás Pena nos anos 60; ou, máis recente, a Medalla da Cidade de Vigo que o Concello outorgou ao antigo Hospital Xeral en 2005.

Os responsables desta iniciativa fixeron fincapé en que o MUSAVI é “un museo de todos para todos”, e realizaron un chamamento á cidadanía para que coopere no proxecto achegando (cesión ou doazón) as súas propias fotos, documentos ou recordos. A súa colaboración pode ser importante tamén para identificar as persoas que saen nas imaxes e o momento en que foron tomadas.

FONDE DO ARTIGO (Europa Press): http://www.galiciaconfidencial.com/noticia/65934-sergas-pon-marcha-museo-sanitario-vigo-mil-pezas-2000-imaxes-1500-documentos-historicos

FOTO: Europa Press