Os inicios do Museo
A apertura do novo hospital público de Vigo Álvaro Cunqueiro no ano 2015, e a conseguinte reordenación sanitaria experimentada na área viguesa supuxo o fin da actividade sanitaria de determinados centros, algún deles cunha longa traxectoria asistencial, como o Hospital Rebullón ou o Hospital Xeral -que viña prestando asistencia sanitaria á poboación desde 1955-.
As tarefas de baleirado, selección e traslado do mobiliario, equipamento, instrumental e arquivo dos servizos e centros que cambiaban de emprazamento, fixo tomar conciencia a moitos profesionais e á mesma Xerencia da área, da necesidade de conservar aqueles elementos que, aínda que carentes de vida útil, representaban exemplos testemuñais da actividade sanitaria e da sociedade de épocas pasadas, constituíndo un importante patrimonio que viña a enriquecer o noso legado histórico e que, polo tanto, tiñamos a responsabilidade e obriga de protexer para as vindeiras xeracións.
A nosa misión
Esta páxina web, é un elemento esencial da proposta museística do MUSAVI. Un plan que converta este soño nunha realidade viable e funcional e contribúa á investigación, difusión e defensa da cultura e o patrimonio en torno ao mundo sanitario, constituíndo un espazo idóneo para o coñecemento da historia sanitaria así como da súa evolución.
Así mesmo este museo aspira a ser o principal impulsor da investigación e o recoñecemento do noso pasado científico e cultural sanitario vinculando estreitamente aos profesionais e usuarios da cidade a través do seu patrimonio.