Microscopio monocular petrográfico E. Leitz Wetzlar do ano 1910. En medicina foi empregado coma un microscopio normal sobre todo para ver a composición de cristais coma o ácido úrico e o pirofosfato cálcico.
Microscopio E. Leitz Wetzlar
Ficha técnica
- Nº Referencia:
- MTAP02
- Data de incorporación:
- 22/11/2017
- Procedencia:
- Pontevedra
- Lugar de orixe:
- Hospital Nicolás Peña
- Época:
- Entre 1900-1924
- Propiedade:
- Propietaria
- Ano de fabricación:
- 1910
- Número de serie:
- 217805
- Modelo:
- Stativ
- Marca:
- Ernst Leitz Wetzlar
Descrición
Microscopio monocular E. Leitz Wetzlar do ano 1910 -información extraída a partires do número de serie 217805-. O modelo denomínase Stativ. Trátase dun microscopio petrográfico utilizado para traballos xeolóxicos (razón pola que a platina do mesmo é circular). O feito de ter a caixa orixinal confírelle máis valor.
Este microscopio é moi funcional dende o punto de vista técnico. Para a época na que xurdiu os alemáns conseguiron romper co dominio británico especialmente pola calidade dos seus obxectivos (os británicos provocaban irisación: mirábanse as cores do arco iris reflectidas sobre a mostra).
Tamén foi empregado no ámbito sanitario a pesar de ser utilizado fundamentalmente polos xeólogos para ver a composición dos estratos xeolóxicos. En medicina foi empregado coma un microscopio normal para estudios anatomopatolóxicos e sobre todo para ver a composición de cristais coma o ácido úrico e o pirofosfato cálcico.
Atópase nun estado impecable e funciona perfectamente: conserva todas as súas pezas e compoñentes orixinais da época. As pezas móbiles están fabricadas en latón e metal plateado; o latón conserva a laca transparente orixinal da época que lle aporta unha pátina cálida. Platina xiratoria, aparato iluminador Abbe, diafragma iris, revólver porta obxectivos.
O estuche de madeira de pino maciza onde se garda este aparello está moi ben conservado: no seu interior atopamos varios soportes de madeira para as distintas pezas, coma os oculares ou a caixa onde se gardan os accesorios. Tamén hai unha pequena caixa forrada en pel para meter os lentes que leva o nome do fabricante en letras douradas. A caixa conta cunha pechadura cunha chave que aínda funcionan.
Os inicios da célebre firma de material óptico Ernst Leitz Wetzlar atópanse na primeira metade do S. XIX, cando Carl Kellner, mecánico e matemático autodidacta, fundou o Carl Kellner Optisches Institut na localidade alemana de Wetzlar. Trala súa temperá morte, a súa viúva continuou co negocio. En 1864, o enxeñeiro mecánico Ernst Leitz entrou na empresa; tras so cinco anos fíxose co control e cambiou o seu nombre polo de Ernst Leitz Wetlzar. Leitz levou á empresa ó éxito tras introducir melloras como a producción en serie, acadando un gran incremento do volume de ventas a partires de 1871. Os microscopios de Leitz incluían melloras técnicas que aumentaban a súa calidade, o que fixo que para finais do século XIX a empresa tivera xa un sólido prestixio a nivel mundial. Ernst Leitz morreu en 1920, e a empresa pasou a mans do seu fillo.
Ademáis da fabricación de microscopios e material óptico, a firma Leitz aumentou considerablemente a súa fama grazas á produción das célebres cámaras fotográficas Leica (abreviatura de Leitz Camera).