Bicicleta de rehabilitación

Da man da marca francesa Genin Médical, un referente dende 1947 na reeducación funcional, chega ó Hospital Xeral de Vigo un dos aparellos pioneiros no mundo da rehabilitación: unha bicicleta que combinaba o traballo dos membros inferiores coa psicomotricidade dos superiores.

Mentres o paciente accionaba os pedais da bicicleta, na parte superior do aparello, enriba dunha plataforma de madeira, movíase unha serra caladora para facer traballos de marquetería.

Genin leva 60 anos traballando no desenvolvemento de equipos de fisioterapia e rehabilitación. Esta bicicleta que data de 1960, foi unha das adquisicións do Hospital de referencia en Vigo para o tratamento das doenzas musculares e óseas nas extremidades.

Ecógrafo Siemens Sonoline

Este é o primeiro ecógrafo adquirido pola Sanidade Pública de Vigo. Empregado polo servizo de Radioloxía do Hospital Xeral durante a década dos oitenta, serviu como equipo de ultrason para obter cálculos xerais e cálculos de obstetricia e xinecoloxía en M- Mode (Motion Mode).

O M- Mode fala do tempo empregado no percorrido das ondas. Éste depende da velocidade do son. Cando existen grandes diferenzas nas propiedades acústicas dos tecidos, por exemplo ao pasar de líquido a sólido, a relación tempo- distancia deixa de ser lineal e prodúcense alteracións nas medidas.

A Ecografía tivo unha evolución moi rápida grazas á súa inocuidade, facilitando a posibilidade de practicar de forma repetida exploracións ecográficas a un mismo doente, ser riscos e cun costo relativamente baixo.  Esta técnica permite obter imaxes de diagnose a partires dos ecos reflectidos pola emisión de ondas de ultrason. No seu momento foi a técnica máis avanzada de radiodiagnose. Permitía ver de forma directa esencialmente órganos sólidos do abdomen: fíado, bazo, riñóns, útero, vexiga, etc. sen necesidade de recurrir a técnicas máis agresivas.

Os primeriros ecógrafos eran estáticos, é dicir, producían unha imaxe fixa; eran moi voluminosos e difíciles de manexar, requerindo incluso a axuda de asistentes. Non é o caso do noso Sonoline, un avanzado ecógrafo cun monitor de pantalla LCD no que podemos apreciar a importancia da informática como avance científico que impulsou o desenvolvemento da Medicina.

Grazas a estes novos computadores foi posible obter significativas melloras nos equipos, como a ecografía en cor, a tridimensional ou a telesonografía. Actualmente todos os equipos son dixitais e moi sinxelos de manexar, permitindo sondas que poden penetrar incluso vasos de pequeno calibre.

Este equipo xa era máis pequeno e livián que os seus antecesores, permitindo técnicas como a sonomamografía ou a eco de tiroides que desplazaron no tempo á mamografía e a gamagrafía respectivamente.

O concepto actual de ecografía obstétrica é totalmente diferente ó establecido ata hai poucos anos. Agora é a forma máis confiable e segura de examinar ó embrión e feto e de controlar a xestación. A ecografía obstétrica permite obter unha diagnose rápida sen ter que esperar meses.

Antes a ecografía era un exame selectivo, agora é unha proba indispensable. É innegable que actualmente o ultrason é o medio diagnóstico máis útil e as súas áreas de desenvolvemento aínda se atopan nos seus comenzos cunhas posibilidades inimaxinables.

Actualmente existen máis de 60 ecógrafos e máis avanzados tecnolóxicamente na área sanitaria de Vigo.

Cama pesa persoas

Outra das xoias do MUSAVI é esta cama pesa persoas da marca Borghi & Saveri. Fabricada no ano 1969 foi traída ó Hospital Xeral de Vigo para ser empregada no servizo de Nefroloxía. Alí a utilizaban para pesar ós doentes que foran sometidos a procedementos de diálise ou coidados intensivos para comprobar as fluctuacións de peso dos mesmos.

Este tipo de doentes confinados a unha cama sen poderse mover do leito dado o seu estado crítico, contaban coa solución máis segura e cómoda para eles,  unha báscula incorporada.

Esta cama integra un sistema de amortigüación sobre unha plataforma de ferro apoiada en catro rodamentos para poder ser trasladada. Na época resultou ser un dos aparellos máis novedosos adquiridos á marca italiana que escomezou a súa andadura aló polo ano 1935. Estes primeiros produtores de aparellos de pesar convertéronse nunha das primeiras marcas de desenvolvemento de motores de combustión interna para automóbiles e motos de competición.