Lámpada de Raios Uva ou Lámpada Finsen

A lámpada de Finsen recibe o seu nome do Nobel Niels Ryberg Finsen, un danés nado nas illas Feroe no ano 1860. A falla de luz solar no arquipélago e as adversas condicións climatolóxicas levoáronno a investigar sobre a luz artificial e o seus efectos fisiolóxicos. Tralo descubrimento da capacidade destrutora dos raios ultravioletas, aplicados ás colonias de bacterias, desenvolveu unha lámpada eléctrica de arco voltaico para o tratamento do lupus tuberculoso. A chamada luz de Finsen.

Este achado levouno a percibir o Nobel de Mediciña no ano 1903. Premio que xa non puido recoller por mor dunha avanzada enfermidade que rematou coa súa traxectoria profesional ó ano seguinte.

Xa dende a súa época como estudante amosou gran interese polos beneficios terapéuticos da luz solar. A súa primeira investigación xirou en torno ó illamento dun grupo de enfermos de varíola. Nun primer termo pechounos en cuartos escuros e despois expuso as vexigas ás radiacións lumínicas a través de orificios nas cortinas, cun efecto satisfactorio e diminuindo o risco de deixar cicatrices. No ano 1896 fundou o Instituto Terapéutico Finsen orientado á investigación das cualidades deste tipo de luz.

A lámpada de Finsen supuxo un gran avance en relación ao raquitismo en zonas con escasa radiación solar o que deu en investigar os efectos da luz ultravioleta como xerador de vitamina D para curar outros tipos de procesos como a depresión estacional.