Microscopio trinocular Nikon

Temos ante nós unha peza Nikon única. Trátase dun tipo de microscopio trinocular: está equipado con tres oculares que permiten o uso simultáneo do aparello por varias persoas. Tamén cabe a posibilidade de mando por dúas persoas e unha cámara conectada ó adaptador.

Os elementos ópticos do trinocular son os mesmos que no binocular; pero o prisma neste modelo, ten una construción máis complexa xa que debe dividir a luz incidente en tres raios de luz iguais.

En liñas xerais os dous oculares empregados polo observador atópanse montados cunha inclinación de 45º respecto á superficie horizontal. O terceiro ocular está montado verticalmente no cabezal do microscopio.

As partes do microscopio trinocular clasifícanse entre as do sistema mecánico e o sistema óptico.

Os microscopios trinoculares empréganse  en ámbitos profesionais para tomar imaxes de alta calidade das mostras. Serven tamén para gravar vídeos da evolución da mostra durante un espazo de tempo. Estes microscopios tamén están presentes no eido educativo para que alumnos e mestres poidan observar as mostras ó mesmo tempo.

Este modelo en concreto é un Nikon fabricado en Xapón no 1970. Foi o primeiro modelo da marca, equipado cun iluminador Kohler incorporado na base do miscroscopio permitindo fotomicrografías moi boas, cando unha cámara se montaba no adaptador.

 

Binocular para otorrinolaringoloxía

Velaquí temos un Microscopio de Inspección de oído, nariz e garganta para especialistas. Empregado na especialidade de Otorrinolaringoloxía foi fabricado en Francia e data da década de 1950.

Conta cun cabezal binocular con entrada de luz recta e un ocular 0,10X con axuste de dioptrías.

A fonte de alimentación componse dunha lámpada con espello.

O brazo pódese mover cara arriba e abaixo afrouxando a manivela. Cando o brazo está axustado á posición correcta regúlase a manivela para manter o microscopio estable.

Accesorios: cable de alimentación, lámpada de recambio e parafuso de axuste.

Outro dos usos que se lle deu a este aparello da marca Bronzavia foi o de se converter en xemelgos prismáticos científicos nas guerras. Traballábanse en tornos de revólver provistos de dispositivos patentados que permitiron acadar a a precisión das súas cavidades.

As pezas fixadas en barras de latón articuladas permitiron alonxar os oculares de 56 a 72 milímetros un do outro. Enfocábanse simultáneamente  por mor dunha moleta central. A parte óptica destes xemelgos está particularmente coidada cunha luminosidade notable e un campo visual dos mais extendidos. A distancia dos obxectivos un co outro é superior á dos ollos do observador da a estereoscopia nas imaxes observadas. Substituíronse en este aparello as guarnicións de pano que causaban inconvenientes por friccións metálicas que proporcionaron unha estabilidade nos eixos ópticos

Microscopio E. Leitz Wetzlar

Microscopio monocular E. Leitz Wetzlar do ano 1910 -información extraída a partires do número de serie 217805-. O modelo denomínase Stativ. Trátase dun microscopio petrográfico utilizado para traballos xeolóxicos (razón pola que a platina do mesmo é circular). O feito de ter a caixa orixinal confírelle máis valor.

Este microscopio é moi funcional dende o punto de vista técnico. Para a época na que xurdiu os alemáns conseguiron romper co dominio británico especialmente pola calidade dos seus obxectivos (os británicos provocaban irisación: mirábanse as cores do arco iris reflectidas sobre a mostra).

Tamén foi empregado no ámbito sanitario a pesar de ser utilizado fundamentalmente polos xeólogos para ver a composición dos estratos xeolóxicos. En medicina foi empregado coma un microscopio normal para estudios anatomopatolóxicos e sobre todo para ver a composición de cristais coma o ácido úrico e o pirofosfato cálcico.

Atópase nun estado impecable e funciona perfectamente: conserva todas as súas pezas e compoñentes orixinais da época. As pezas móbiles están fabricadas en latón e metal plateado; o latón conserva a laca transparente orixinal da época que lle aporta unha pátina cálida. Platina xiratoria, aparato iluminador Abbe, diafragma iris, revólver porta obxectivos.

O estuche de madeira de pino maciza onde se garda este aparello está moi ben conservado: no seu interior atopamos varios soportes de madeira para as distintas pezas, coma os oculares ou a caixa onde se gardan os accesorios. Tamén hai unha pequena caixa forrada en pel para meter os lentes que leva o nome do fabricante en letras douradas. A caixa conta cunha pechadura cunha chave que aínda funcionan.

Os inicios da célebre firma de material óptico Ernst Leitz Wetzlar atópanse na primeira metade do S. XIX, cando Carl Kellner, mecánico e matemático autodidacta, fundou o Carl Kellner Optisches Institut na localidade alemana de Wetzlar. Trala súa temperá morte, a súa viúva continuou co negocio. En 1864, o enxeñeiro mecánico Ernst Leitz entrou na empresa; tras so cinco anos fíxose co control e cambiou o seu nombre polo de Ernst Leitz Wetlzar. Leitz levou á empresa ó éxito tras introducir melloras como a producción en serie, acadando un gran incremento do volume de ventas a partires de 1871. Os microscopios de Leitz incluían melloras técnicas que aumentaban a súa calidade, o que fixo que para finais do século XIX a empresa tivera xa un sólido prestixio a nivel mundial. Ernst Leitz morreu en 1920, e a empresa pasou a mans do seu fillo.

Ademáis da fabricación de microscopios e material óptico, a firma Leitz aumentou considerablemente a súa fama grazas á produción das célebres cámaras fotográficas Leica (abreviatura de Leitz Camera).