Fotómetro de chama

Este é un fotómetro de chama, aparello empregado xunto co espectómetro de absorción. A día de hoxe, modelos máis actualizados seguen empregándose nos laboratorios de análise clínica independentes e ós pertencentes aos hospitais.

Esta peza data de finais dos anos corenta aínda que se pensa que se podería haber comercializado entre os cincoenta e setenta. Polos datos obtidos polo MUSAVI sábese que este tipo de pezas foron postas en marcha en España nos setenta. Aínda que a mediados desa época xa funcionaban nos laboratorios e hospitais mostras máis avanzadas.

Este equipo funcionaba cunha bombona de butano. Esta era necesaria para activar a chama do aparello e extraer os ions de sodio e potasio. Estes se determinaban a través dunha mostra sanguínea que, coas dilucións previas, daba os niveis acadados mediante curvas de calibrado.

É sen dúbida unha das pezas máis antigas que establecían a determinación da fotometría de chama de xeito semiautomático. Este fotómetro é un Evans Electroselenium Ltd. Ésta foi unha empresa fundada por Arthur Evans a finais do 1930 e orixinouse a partir da explotación das aplicacións de fotocélulas de selenio.

Hospital Nicolás Peña, antigo Hospital Elduayen

Estes documentos corresponden ó Hospital Municipal de Vigo, Hospital Elduayen que máis tarde convertiríase no Hospital Nicolás Peña.

Trátase dunha selección de fotografías do primeiro Hospital de Vigo inaugurado no ano 1896. Contaba con tres salas de 20 camas de ferro e ofrecía todo tipo de servizos sanitarios da época, cirurxías, partos… etc.

Na primeira das imaxes podemos ver o proxecto do antigo Hospital Elduayen, máis tarde Nicolás Peña.

Tamén observamos a visita do alcalde Portanet e o concelleiro de Sanidade Fernández Castro nas pascuas do ano 1969

As seguintes imaxes corresponden ás obras de acondicionamento dos terreos, e construcción do edificio. A entrada, e a fachada do Hospital.

Equipo de neumotórax artificial Sistema Arévalo

Un neumotórax é unha patoloxía pulmonar caracterizada pola entrada de aire no espazo interpleural: entre a pleura visceral e a parietal. Este proceso orixina un colapso pulmonar coa súa correspondente repercusión na mecánica respiratoria e hemodinámica do paciente; onde a orixe pode ser externo (perforación na caixa torácica) ou interno (perforación nun pulmón).

En tempos remotos, nos que a tuberculose era a epidemia que arrasaba a poboación xorde o neumotórax artificial. Podería parecer unha tolemia pero este aparello orixinaba un proceso idéntico neste caso, para curar aos tísicos.

Este Sistema Arévalo foi creado coa fin de inxectar aire ou outro tipo de gas  na cavidade da pleura con fins curativos para inmobilizar o pulmón. Éste era un dos modos de curar a tuberculose na primeira metade do S. XX.

O instrumento en si está formado por dúas bochas conectadas a un manómetro hidráulico, para graduar a presión mediante unha pera insufladora e unha cánula con agulla de punción. Consérvase dentro da caixa unha folla coas instrucións de uso do aparello.

Microscopio E. Leitz Wetzlar

Microscopio monocular E. Leitz Wetzlar do ano 1910 -información extraída a partires do número de serie 217805-. O modelo denomínase Stativ. Trátase dun microscopio petrográfico utilizado para traballos xeolóxicos (razón pola que a platina do mesmo é circular). O feito de ter a caixa orixinal confírelle máis valor.

Este microscopio é moi funcional dende o punto de vista técnico. Para a época na que xurdiu os alemáns conseguiron romper co dominio británico especialmente pola calidade dos seus obxectivos (os británicos provocaban irisación: mirábanse as cores do arco iris reflectidas sobre a mostra).

Tamén foi empregado no ámbito sanitario a pesar de ser utilizado fundamentalmente polos xeólogos para ver a composición dos estratos xeolóxicos. En medicina foi empregado coma un microscopio normal para estudios anatomopatolóxicos e sobre todo para ver a composición de cristais coma o ácido úrico e o pirofosfato cálcico.

Atópase nun estado impecable e funciona perfectamente: conserva todas as súas pezas e compoñentes orixinais da época. As pezas móbiles están fabricadas en latón e metal plateado; o latón conserva a laca transparente orixinal da época que lle aporta unha pátina cálida. Platina xiratoria, aparato iluminador Abbe, diafragma iris, revólver porta obxectivos.

O estuche de madeira de pino maciza onde se garda este aparello está moi ben conservado: no seu interior atopamos varios soportes de madeira para as distintas pezas, coma os oculares ou a caixa onde se gardan os accesorios. Tamén hai unha pequena caixa forrada en pel para meter os lentes que leva o nome do fabricante en letras douradas. A caixa conta cunha pechadura cunha chave que aínda funcionan.

Os inicios da célebre firma de material óptico Ernst Leitz Wetzlar atópanse na primeira metade do S. XIX, cando Carl Kellner, mecánico e matemático autodidacta, fundou o Carl Kellner Optisches Institut na localidade alemana de Wetzlar. Trala súa temperá morte, a súa viúva continuou co negocio. En 1864, o enxeñeiro mecánico Ernst Leitz entrou na empresa; tras so cinco anos fíxose co control e cambiou o seu nombre polo de Ernst Leitz Wetlzar. Leitz levou á empresa ó éxito tras introducir melloras como a producción en serie, acadando un gran incremento do volume de ventas a partires de 1871. Os microscopios de Leitz incluían melloras técnicas que aumentaban a súa calidade, o que fixo que para finais do século XIX a empresa tivera xa un sólido prestixio a nivel mundial. Ernst Leitz morreu en 1920, e a empresa pasou a mans do seu fillo.

Ademáis da fabricación de microscopios e material óptico, a firma Leitz aumentou considerablemente a súa fama grazas á produción das célebres cámaras fotográficas Leica (abreviatura de Leitz Camera).