Microscopio século XIX

Microscopio dun só pé e dobre lente.
Sistema de enfoque de cremalleira.
Sen firma de fabricante. Probablemente de fabricación francesa.
Segunda metade do século XIX

Microscopio trinocular Nikon

Temos ante nós unha peza Nikon única. Trátase dun tipo de microscopio trinocular: está equipado con tres oculares que permiten o uso simultáneo do aparello por varias persoas. Tamén cabe a posibilidade de mando por dúas persoas e unha cámara conectada ó adaptador.

Os elementos ópticos do trinocular son os mesmos que no binocular; pero o prisma neste modelo, ten una construción máis complexa xa que debe dividir a luz incidente en tres raios de luz iguais.

En liñas xerais os dous oculares empregados polo observador atópanse montados cunha inclinación de 45º respecto á superficie horizontal. O terceiro ocular está montado verticalmente no cabezal do microscopio.

As partes do microscopio trinocular clasifícanse entre as do sistema mecánico e o sistema óptico.

Os microscopios trinoculares empréganse  en ámbitos profesionais para tomar imaxes de alta calidade das mostras. Serven tamén para gravar vídeos da evolución da mostra durante un espazo de tempo. Estes microscopios tamén están presentes no eido educativo para que alumnos e mestres poidan observar as mostras ó mesmo tempo.

Este modelo en concreto é un Nikon fabricado en Xapón no 1970. Foi o primeiro modelo da marca, equipado cun iluminador Kohler incorporado na base do miscroscopio permitindo fotomicrografías moi boas, cando unha cámara se montaba no adaptador.

 

Microscopio E. Leitz Wetzlar

Microscopio monocular E. Leitz Wetzlar do ano 1910 -información extraída a partires do número de serie 217805-. O modelo denomínase Stativ. Trátase dun microscopio petrográfico utilizado para traballos xeolóxicos (razón pola que a platina do mesmo é circular). O feito de ter a caixa orixinal confírelle máis valor.

Este microscopio é moi funcional dende o punto de vista técnico. Para a época na que xurdiu os alemáns conseguiron romper co dominio británico especialmente pola calidade dos seus obxectivos (os británicos provocaban irisación: mirábanse as cores do arco iris reflectidas sobre a mostra).

Tamén foi empregado no ámbito sanitario a pesar de ser utilizado fundamentalmente polos xeólogos para ver a composición dos estratos xeolóxicos. En medicina foi empregado coma un microscopio normal para estudios anatomopatolóxicos e sobre todo para ver a composición de cristais coma o ácido úrico e o pirofosfato cálcico.

Atópase nun estado impecable e funciona perfectamente: conserva todas as súas pezas e compoñentes orixinais da época. As pezas móbiles están fabricadas en latón e metal plateado; o latón conserva a laca transparente orixinal da época que lle aporta unha pátina cálida. Platina xiratoria, aparato iluminador Abbe, diafragma iris, revólver porta obxectivos.

O estuche de madeira de pino maciza onde se garda este aparello está moi ben conservado: no seu interior atopamos varios soportes de madeira para as distintas pezas, coma os oculares ou a caixa onde se gardan os accesorios. Tamén hai unha pequena caixa forrada en pel para meter os lentes que leva o nome do fabricante en letras douradas. A caixa conta cunha pechadura cunha chave que aínda funcionan.

Os inicios da célebre firma de material óptico Ernst Leitz Wetzlar atópanse na primeira metade do S. XIX, cando Carl Kellner, mecánico e matemático autodidacta, fundou o Carl Kellner Optisches Institut na localidade alemana de Wetzlar. Trala súa temperá morte, a súa viúva continuou co negocio. En 1864, o enxeñeiro mecánico Ernst Leitz entrou na empresa; tras so cinco anos fíxose co control e cambiou o seu nombre polo de Ernst Leitz Wetlzar. Leitz levou á empresa ó éxito tras introducir melloras como a producción en serie, acadando un gran incremento do volume de ventas a partires de 1871. Os microscopios de Leitz incluían melloras técnicas que aumentaban a súa calidade, o que fixo que para finais do século XIX a empresa tivera xa un sólido prestixio a nivel mundial. Ernst Leitz morreu en 1920, e a empresa pasou a mans do seu fillo.

Ademáis da fabricación de microscopios e material óptico, a firma Leitz aumentou considerablemente a súa fama grazas á produción das célebres cámaras fotográficas Leica (abreviatura de Leitz Camera).

Balanza de precisión Cobos

A Balanza de Precisión foi un instrumento inefable no campo da investigación médico- sanitaria ao longo do tempo. O seu descubrimento remóntase a Exipto cara ó 3500 a. C. grazas ao comercio. Máis tarde mellorada polo imperio romano e posteriormente polo xenio Da Vinci, foi empregada nos laboratorios para pesar pequenas cantidades de masa reactivos na realización de análise químicos ou biolóxicos. Sempre destacaron pola súa afinación aínda que moitas de estas xoias quedaran obsoletas coa aparición das básculas electrónicas.

Para obter un correcto funcionamento da balanza de precisión Cobos débense poñer todos os números un (I) á esquerda e os dous (II) á dereita, tanto dos pratos, como dos fíos que os suxeitan e o fiel. Pode ser que tamen teñan I ou II marcas no canto de números. Estes deben ficar ben postos dentro da coitela; e o soporte do fiel ben aliñado por debaixo con respecto a o fiel da balanza.

As dúas pezas roscadas que van ós dous extremos do fiel serven para axustar e centrar a agulla da escala, cando o fiel está levantado; para pesar rotando a roda/mando que hai diante e fóra da caixa de vidro que a contén.

É importante que nivelen ben a balanza cos pes niveladores e fixándose en que a burbulla do nivel quede ben centrada.

A balanza procede de España e conta cun gran potencial estético e decorativo, sendo unha peza auténtica e plenamente funcional. Está fabricada en metal plateado e pode empregarse aínda para pesar produtos e fórmulas coa máxima precisión.

A balanza conta cun mástil cilíndrico de metal. Na súa parte superior podemos ver dúas pezas de ferro fundido. Estas pezas soportan a cruz de metal plateado e axudan a manter os platillos estables. No centro da cruz está fixado o fiel, a agulla que marca o peso cunha escala graduada no extremo inferior.

A balanza atópase protexida por unha caixa fabricada en madeira maciza e vidro. A base da urna é de cor negra e leva tres platos regulables que permiten unha correcta colocación da balanza para obter pesos exactos sobre calqueira superficie. O xogo de pesas e micropesas completan esta peza nas súas caixiñas de madeira.